Entrevistas

Calpurnias, mulleres poetas ourensás

 

Yolanda López

coordinadora da escolma

yoli

– Fálanos da túa traxectoria como poeta.

Cando empezaches a escribir? Cal era a túa motivación principal?

Canta obra publicaches?

Comecei a escribir poesía cando xa tiña unha traxectoria no eido do ensaio e da investigación sobre literatura norteamericana, así coma no campo da tradución. A poesía sorprendeume nun momento dado, e despois de gañar varios premios, xa non me quixo abandoar. Levo uns cantos libros publicados, en galego e en castelán, non vexo problema en expresarme en dúas linguas, se as dúas me permitan liberar o que levo nas adentras. Os meus versos abranguen dende o realismo máxico até a poesía social profunda, chegando ao surrealismo e ao expresionismo máis intenso, mais considero que teño un estilo moi persoal, non busco seguir ningunha moda nin tendencia. Son fiel a min mesma.

– Como foi evolucionando esa escritura? Quen ou que che inspirou?

Cóntanos cales son as túas principais referencias literarias, e máis concretamente en canto á poesía escrita por mulleres.

A poesía escrita por mulleres e o feminismo están presentes en absolutamente toda a miña obra. Poemas como A MULLER PAXARO, A ANFITRIOA, A FIANDEIRA, DAFNE DIVIDIDA, ¡DANZADE MALDITOS!, entre outros, homenaxean dende a heroínas que afrontan a violencia diaria até o talento da literatura universal escrita por mulleres. Inspíranme dende Emily Brönte até Alejandra Pizarnik ou Idea Vilariño, pasando por Xela Arias ou Luísa Villalta. Mais podo engadir que as experiencias persoais da vida son as que verdadeiramente deixan pegada na miña escrita, así como a necesidade de berrar contra o feminicidio constante que sofre a muller na sociedade actual.

– Que che parece o proxecto Calpurnias, mulleres poetas ourensás?

Cóntanos un pouco sobre a túa achega ao proxecto.

O proxecto Calpurnias levaba fervendo en min dende hai uns aniños. Era consciente de que o número de poetas mulleres en Ourense ía en aumento. Levantabas unha pedra e aparecía unha nova escritora. O proxecto chamaba á miña porta, susurraba, había que facer algo para reunir como fose a todas as autoras Nas miñas pescudas, nun inicio, eramos seis ou sete poetas e cheguei a dar cunhas doce autoras, mais finalmente pechamos en dez, un número redondo para unha antoloxía. Entón coñecín a Arturo R. Camba, codirector de EDITORIAL CUESTIÓN DE BELLEZA e propúxenlle publicar esta antoloxía co título Calpurnias: Mulleres poetas orensás. Aceptou sen dubidalo con pleno altruismo. Iniciamos a proxección deste obxectivo cun recital que se celebrou en EL CERCANO en novembro do 2018 con moito éxito, até se proxectaron videopoemas dalgunhas autoras que non pudieron asistir. Foi marabilloso!

Agora está a piques de saír do prelo o libro que se presentará no Liceo de Ourense o sábado nove de marzo co gallo do día internacional da muller. Estou a contar os días!

– Tes algún outro proxecto no horizonte?

Algún poemario no que esteas a traballar?

En relación ao meu próximo poemario, estou emocionada, porque entre marzo e abril deste ano, sairá do prelo coa editorial multicultural brasileira-luso-galega URUTAU EDITORA. Titúlase A SECUESTRADORA DE OCÉANOS e é totalmente diferente á obra que levo publicada. Son poemas breves, intensos, expresionistas, coa presenza constante do mar e da natureza, moi visuais, dotados dunha enorme plasticidade e intertextualidade, seguindo todos eles unha estrutura elaborada.

– Que opinas do labor de Editorial Cuestión de Belleza?

Penso que a labor de EDITORIAL CUESTIÓN DE BELLEZA é admirable. Editan os libros con moito amor, cunha calidade notable. Todos eles van ilustrados. Son como pezas de arte. Levan só tres anos no mercado e aínda que publican pouco, fano con moito entusiasmo e delicadeza. Incluso sacaron un premio de poesia en galego que pronto chegará á súa segunda edición. É un orgullo que teña os seus cernes en Ourense, a miña terra. O feito de que esta antoloxía que organicei con tanto fervor saia do prelo con eles é un honor.

Logo cuadrado vectorial pequeño