Entrevistas

Calpurnias, mulleres poetas ourensás

 

Rosa Enríquez

RosaE

Fálanos da túa traxectoria como poeta. Cando empezaches a escribir? Cal era a túa motivación principal? Canta obra publicaches?

Escribo dende que era unha cativa. Diarios, cartas e poemas. Facíao porque me gustaba e necesitaba expresarme, pero houbo un momento no que decidín publicar o que escribía. Levei un premio, e, a partir de aí, iniciei un camiño que me trouxo momentos privados moi interesantes para escribir.

Publiquei cinco libros de poemas, alén dunha novela, e participei en moitos actos colectivos nos que, en principio, a poesía era o centro. A motivación cando escribo? Só hai unha: escribo cando teño ganas. A liberdade é fundamental para min. Así é que cando non me apetece escribir, non o fago. É bo aprender a calar tamén. Principalmente para non autoplaxiarse. Creo que debemos deixar respirar a voz de dentro, porque pode que un día non nos fale máis se abusamos dela.

– Como foi evolucionando esa escritura?Quen ou que che inspirou?

As “fontes de inspiración” son diversas. Creo que é como ter dentro unha especie de motor. Ás veces está varado, en silencio. Hai que respectar os seus tempos e non forzalo. Esa voz faladora necesita vivir ao seu ritmo, aprender o que precisa aprender e ser libre. Nada é máis lesivo para un texto que intentar metelo nun molde que se acomode ao que alguén “nos pide” dende fóra. Hai xeitos de escribir que interesan máis do que outros. É evidente. A educación do gusto existe e xera intereses e necesidades concretos que serán nutridos co material cultural que se produce para tal menester. Vivir coa presión de ter que “elaborar” un determinado “produto”, nun tempo concreto, indicado por un editor, remata por castrar ese alento interior necesario para escribir o que se quere. Debe de ser un auténtico peñazo!

Tendo conta disto, a min inspírame todo. Non permitiría xamais que niguén me dixese onde debo colocar o foco, de que maneira debo dipoñer os versos, ou en canto tempo debo facelo. Daquela, sensación de liberdade é a mellor e máis poderosa fonte de inspiración para min. Tamén as vivencias comúns dun día calquera. No entanto, nestes últimos anos, alén desa liberdade cegadora, o que me inspira é a observación dun proceso interior vivido moi lentamente que me levou ata o lugar no que eu quería estar. Sinto alegría de ter chegado ata el e desfacerme de todo o que me ataba. Ese proceso é a miña inspiración: desenvolver o novelo que me afogaba sen máis pretensión que o propio benestar.

– Cóntanos cales son as túas principais referencias literarias, e máis concretamente en canto á poesía escrita por mulleres

Leo de todo, pero, principalmente, ensaio e poesía. En poesía, gosto moito da clásica. A de Safo, por exemplo. Tamén a de Catulo. No entanto, recoñezo que os textos medievais me fascinan. A poesía Galego-Portuguesa dos séculos XII e XIII paréceme brillante. O “Cantar dos nibelungos” encende algo dentro de min. Non sabería explicalo, pero me atrapa. Sobre todo por Krimilda e Brunilda. Estes dous personaxes femininos fánseme moi atractivos. Creo que sorprenden a calquera lectora. Atopo ademais un gran pracer na lectura de poemas máis próximos no tempo, como os de Emily Dickinson -é marabillosa!-, ou os de Verónica Franco, Pizarnik, Alfonsina Storni, Silvia Plath, Sharon Olds, Anne Sexton, Rosalía, Gloria Fuertes, Rosa Chacel… Hai tantas!

Ao respecto do ensaio feminista, gosto moito de Virginie Despentes, Paul B. Preciado, Judith Butler, María Xosé Queizán, Beauvoir, mais tamén dos traballos de Sartre, Deleuze, Bourdieu, Foucault… Todo o que leo pode servirme para avanzar e afondar naquilo que me interesa escribir.

Agora ben, non só o que se escribiu pode serme útil. O cinema, por exemplo, ten un peso moi importante para min. Así é que creo que, malia o intentar, non dou feito! É fascinante aprender.

– Que che parece o proxecto Calpurnias, mulleres poetas ourensás?

Creo que é un proxecto non só moi interesante, mais tamén necesario. Necesario porque pode axudar a facer visíbel o que andamos a escribir algunhas poetas ourensás, que, penso eu, é certamente moi potente e debe ser colocado enriba da mesa.

– Cóntanos un pouco sobre a túa achega ao proxecto.

Neste proxecto aparecen textos meus publicados en diferentes libros –Desobediencia, Vestíbulo dadevastación, Atlas de Chaguán, ESPECTROS,Historia do meu corpo en labaradas– e algúns outros que figuran en revistas, como a saga A xesta das nenas de Nevermore, ou nalgunha Plaquette, como Urrar de Barbantesa, alén doutros inéditos. Agradezo moito o convite que se me fixo para participar nesta Antoloxía. É para min unha honra aparecer nun libro coma este, ao carón de poetas que admiro e respecto profundamente.

– Tes algún outro proxecto no horizonte? Algún poemario no que esteas a traballar?

Ando a escribir outro libro do que figuran nesta Antoloxía algúns textos. Gustaríame ter a oportunidade de o publicar, obviamente. A ver se é posíbel.

– Que opinas do labor de Editorial Cuestión de Belleza?

Creo que é unha Editorial que fai un traballo honesto e digno, na medida en que se preocupa por ofrecer algo distinto, coma esta proposta en concreto. Ata o de agora ninguén se ocupara de elaborar unha antoloxía cos traballos de poetas ourensás. Esta atención que se nos presta aquí revela un respecto polo noso traballo, alén de certa sensibilidade e delicadeza. Penso que todas agradecemos moito isto.

Logo cuadrado vectorial pequeño