Entrevistas

Calpurnias, mulleres poetas ourensás

Raida Rodríguez

raida

– Fálanos da túa traxectoria como poeta. Cando empezaches a escribir? Cal era a túa motivación principal? Canta obra publicaches?

Empecei a escribir de pequena, desde sempre lembro estar co caderno e o boli, escribindo e debuxando; empecei por pura necesidade de exteriorizar o que sentía, tamén como forma de auto coñecemento e de comunicación co exterior, medrei sendo moi introvertida, pasei a infancia e a adolescencia nunha aldea e non tiña ninguén con quen compartir os meus pensamentos, sentimentos, inquedanzas; poderíase dicir que escribía como terapia, para enfrontar a soidade e o illamento.

Teño publicado dous poemarios, Máquina de guerra (2009) e Estirpe de sombras (2014)

– Como foi evolucionando esa escritura? Quen ou que che inspirou?

Foi evolucionando ao longo dos anos, coido que no fondo non, os temas que me obsesionan son os mesmos, mais si nos referentes, e tamén na forma.

Na miña escrita ten habido unha multitude de musas, unhas hordas de escritura, parafraseando a Chus Pato: poetas, novelistas, pensadores, artistas, e persoas que me acompañaron ao longo dos anos e deixaron pegada en min.

– Cóntanos cales son as túas principais referencias literarias, e máis concretamente en canto á poesía escrita por mulleres.

Nos inicios os meus referentes literarios foron sobre todo filosóficos: Nietzsche,

existencialismo, pensamento postmoderno.

As obras de Chus Pato, Paul Celan e Ingeborg Bachmann teñen sido as miñas

poéticas de referencia.

A poesía galega escrita por mulleres é moi potente, e nomes como Maria do Cebreiro, Olga Novo, a xa mencionada Chus Pato, ou Maria Lado, téñenme acompañado ao longo da miña traxectoria.

– Que che parece o proxecto Calpurnias, mulleres poetas ourensás?

Paréceme moi interesante a idea de xuntar poéticas moi diversas, e revindicar

a figura da muller no ámbito da escrita sempre é positivo e necesario.

Vivo en Barcelona desde hai moitos anos, polo que ademais agradezo esta antoloxía, que me permite en certa maneira volver ás miñas raíces ourensás e galegas.

– Cóntanos un pouco sobre a túa achega ao proxecto.

A miña achega é no esencial unha escolma de poemas xa publicados nos poemarios Máquina de guerra eEstirpe de sombras, máis un inédito escrito para a ocasión. A proposta de participar chegou nun momento no que, por motivos persoais, a escrita non ten sitio no meu día a día, pero estou ilusionada de poder facer a miña aportación ao proxecto, e quero aproveitar para agradecer a Yolanda Lopez que pensase en min.

– Tes algún outro proxecto no horizonte? Algún poemario no que esteas a traballar?

Como mencionei antes, hai un tempo que a escrita non ten sitio no meu día a día, pero ao mesmo tempo non deixo de pensar en escribir, así que dalgún xeito espero que Calpurniassexa un aliciente para retomar a escrita nun futuro non moi lonxano.

– Que opinas do labor de Editorial Cuestión de Belleza?

O certo é que no momento no que me chegou a proposta de Calpurnias descoñecía a editorial. O proxecto, despois de indagar un pouco a través da páxina web, paréceme ilusionante, e deséxovos moita sorte e moitos éxitos.

Logo cuadrado vectorial pequeño