Entrevistas
Calpurnias, mulleres poetas ourensás
Montserrat Villar

– Fálanos da túa traxectoria como poeta. Cando empezaches a escribir? Cal era a túa motivación principal? Canta obra publicaches?
Empecei a escribir con 12 ou 13 anos. Leía, nesa altura, a Pessoa en portugués (e entendía o que imaxinaba mais que o que puña) e á Generación do 27 e sentía a necesidade de me expresar a través da poesía. Despois afeccioneime a escoitar a Aute, Silvio Rodríguez, etc, e tamén me descubriron poesía. Mais tarde chegou Mário Sá-Carneiro, a xeración Nós… Para min, desde sempre, significou unha maneira de comunicarme, unha forma de expresión que non é posible substituír por outra. E nesas continuo: escribir como respirar e respirar para poder vivir.
Teño 7 libros publicados, creo, tres antoloxías, e algunha plaquete e libro de autor que tamén forman parte da miña historia de versos e das relacións que a poesía e as artes favorecen.
– Como foi evolucionando esa escritura? Quen ou que che inspirou?
Como dixen, empecei lendo aos do 27, Pessoa, Méndez Ferrín, Castelao,… o que tiña ao meu alcance. Despois chegaron os de décadas posteriores (especialmente Ángel González e Gil de Biedma), e entrou coma unha pedra Leopoldo María Panero. Este último foi decisivo para miña escritura a partir dos 25 anos. El ensinoume a escribir para min sen pensar no que poda parecer lá fora, a dicir todo o que quero dicir sen ataduras nin freo, só con honestidade e desde a miña verdade en cada poema. Nestes últimos 10 anos, a miña relación con Poetas do Extremo demostroume esa idea que sempre estivo aconchegada en min e que nestes últimos 10 anos ten un importante sentido: o poeta é un ser que comparte alma e vida e que ten unha maneira de ver a vida completa as 24 horas do día: compartir e vivir mais alá de un mesmo. Ser poeta é ser un Nós dentro e fora da palabra. Implica compromiso coa vida e coa palabra ao mesmo tempo.
– Cóntanos cales son as túas principais referencias literarias, e máis concretamente en canto á poesía escrita por mulleres.
De xoven nunca tiven acceso a poesía de mulleres mais alá de Rosalía de Castro, Gloria Fuertes e Carmen Conde. Despois descubrín a Dickinson, Storni, Pizarnik, Plath, Sofia de Mello B,… e agora convivo con moitas mulleres poetas deste século na Asociación Genialogías, e fora dela, todas elas, maravillosas e comprometidas. Mais, creo que as lecturas de antes da poesía de mulleres son as que realmente me marcaron.
– Que che parece o proxecto Calpurnias, mulleres poetas ourensás? Cóntanos un pouco sobre a túa achega ao proxecto.
É unha iniciativa de Yoli López que facía moita falta. Eu vivo en Salamanca desde os 18 anos e non tiña moita relación coa poesía galega debido a que até agora toda a miña obra estaba escrita en castelán (só existe unha antoloxía de parte dela en galego) e iso non facilitaba entrar nos círculos galegos, era o meu tema pendente. E xusto o ano que decido poñerme a traballar nun poemario en galego, contacta a Yoli comigo para propor o proxecto, non se pode pedir mais. Para min significa, ao fin, volver á miña casa, e volver moi ben acompañada, xunto a mulleres-poetas que admiro e que desexo seguir coñecendo. Faime sentir moi emocionada e moito mais preto de miña terra, algo que votaba moito de menos.
– Tes algún outro proxecto no horizonte? Algún poemario no que esteas a traballar?
Sairá ese poemario do que falei hai pouco, en edición bilingüe: galego-castelán e que di moito de min, da miña poesía e da miña aptitude coa vida. Tamén estou a traballar nunha antoloxía de poemas que se publicará proximamente en São Paulo. A selección foi feita por unha profesora desa cidade e vai ser publicada moi pronto.
– Que opinas do labor de Editorial Cuestión de Belleza?
Necesaria e imprescindible. Xente que aposte pola poesía coo cariño que a editorial Cuestión de Belleza demostra en cada edición que fai, é moi necesaria. A poesía, todos o sabemos, non é un negocio nin para os editores nin para os poetas, e arriscarse, nestes tempos que corren, a publicar libros de poesía é unha heroicidade. Se ademais, o heroe que dirixe a editorial, se emociona cando escoita ler poesía, non queda dúbida de que existe amor polo que se fai, un amor só propio dos Humanistas, concepto entendido no seu sentido mais estrito.