Entrevistas

Calpurnias, mulleres poetas ourensás

Marina Sánchez

marina

 

– Fálanos da túa traxectoria como poeta. Cando empezaches a escribir? Cal era a túa motivación principal? Canta obra publicaches?

Cando tiña 12 anos naceu o meu primeiro poema en galego froito da pulsión da vida no meu corpiño adolescente. Falaba da raíz, do meu pobo e das miñas xentes, o máis inmediato facíase etéreo… Aquel intre de maxia e eternidade, aquela “gloria e contento”, aquela sensación de transcendencia levoume a seguir plasmando no papel o meu inxenuo sentir. Creo que nunca me desprendín deste latexo naif . Chámenme Peter Pan, pero é que non quero que se desprenda de mín esa flor de infancia. Foi ós 13 cando naceu o primeiro poema en castelán. Por primeira vez lía en público aquelo que escribira o meu corazón e tentaba defendelo sen pudor: ”El mar”. Era un canto a esa auga que é o meu nome, era a miña búsqueda particular, era una voz que se chama a si mesma?

No Instituto Xelmirez de Compostela, con 15 anos incluiron os meus traballos literarios nunha revista que era a canteira dos novos escritores en lingua galega. No Instituto das Lagoas sempre formaron parte das publicacións literarias. Desde entón non deixei nunca de escribir. Non podería vivir sen facelo. No 2003 presentei Aura de Abril, poemario en galego. Por esta obra recibín o Premio Ramón Puga. Meses despois presentei La Rosa, en castelán.

As miñas posteriores publicacións foron e seguen sendo no Diario La Región con artigos en prosa poética.

Pronto chegará algo novo. O tempo vai ser benévolo.

Xurdía de adentro. Era una delicia ir máis alá do real. Un xogo. Peneirar as palabras, facelas música e nacer un afecto, un amor novo cara mín mesma e o meu arredor. Era coller auga entre as mans, ou esa area fina que che se vai sen que podas evitalo… Así era o que eu sentía e o que sentía que sentían os demáis. Plasmar, deter e facer meu para sempre eso que se nos vai e á vez permanece.

– Como foi evolucionando esa escritura? Quen ou que che inspirou?

A par que a vida. “A linguaxe é o pensamento”. O sinxelo vaise facendo profundo e desafiante, pero non quere deixar de ser sinxelo, sempre que o adorne a pureza e a dozura do aire do momento.

Inspirábanme os ollos e as mans da xente. A xente do noso bar era a que marcaba o pulso da xustiza, da nobreza , da lealdade, do ben e do mal, da mentira e da verdade. O valor do ser humano. Alí estaba o amor en todas as súas caras e dimensións. A infancia vibraba alí con ollos de vello. Todo era aquelo e xogaba sen parar. Da boca dos meus pais saían as palabras máis sabias, coma se agochado, na nosa casa houbera un oráculo. Todo o demáis lévame sempre aí. A ese paraíso que debo alimentar aínda que pase o tempo.

– Cóntanos cales son as túas principais referencias literarias, e máis concretamente en canto á poesía escrita por mulleres.

Sempre Rosalía:completa e rotunda. Bécquer tamén chegou con forza. Hai moitos autores que deixan a súa pegada. A sensualidade de Neruda, Machado, Juan Ramón, Lorca… Mulleres como Gloria Fuertes ou Maria Zambrano, Alfonsina Storni e Zenobia Camprubí e cantar a Violeta Parra.

– Que che parece o proxecto Calpurnias, mulleres poetas ourensás?

Un honor. Éncheme de ilusión pertencer a un grupo de mulleres cheas de compromiso e amor á poesía, a fala e á Terra. Grazas a Yolanda López atopamos un recuncho onde atoparnos. E grazas á Editorial Cuestión de Belleza encontramos quen nos acolle por amor á beleza e á palabra. Xuntos levamos o nome de Ourense e A Burga como bandeira.

– Cóntanos un pouco sobre a túa achega ao proxecto.

Trato de achegar esta pinga de orballo, este suspiro de ninfa que lle agradece á Burga Nai o seu poder quente.

– Tes algún outro proxecto no horizonte? Algún poemario no que esteas a traballar?

Antes de irse D. Víctor Campio Pereira deixoume prologada a seguinte obra. Así que non pode tardar en ver a luz.

– Que opinas do labor de Editorial Cuestión de Belleza?

Agradecerlle ante todo que nos acompañe neste proxecto tan ilusionante. Grazas por acollernos con esa dozura, sensibilidade, delicadeza e profesionalidade.

Logo cuadrado vectorial pequeño