Entrevistas

Calpurnias, mulleres poetas ourensás

Chus Pato

©Javier lalín

Chus

– Fálanos da túa traxectoria como poeta. Cando empezaches a escribir? Cal era a túa motivación principal? Canta obra publicaches?

Escribín un poema, que sería o primeiro, aos dez anos e creo poder dicir que inicia un ciclo que vai ata os dezasete. Escribo en castelán. O tempo que vai desde o dezasete aos vinte tres non escribo. Dataría o inicio do segundo ciclo no 1978, vivo neste ciclo. Escribo en galego.

A miña maneira de achegarme ao poema é sempre igual a ese primeiro impulso, é unha viaxe desde a mudez a un determinado tipo de linguaxe que nunca é instrumental, busca un idioma que celebre a capacidade lingüística da especie e parte dunha premisa que podería concretarse así: a lingua sapiens é natureza.

A escena relátase: estou nunha clase de Xeografía, a profesora explica algo sobre as comarcas dalgunha rexión pertencente a algunha nación-Estado do occidente eurasiático. O meu pupitre está preto do balcón, desde esa posición contemplo un prado, un mamífero non humano, unha catedral. Escribo a chuvia, a herba, a pedra. No meu xesto non hai vontade, non hai procura, sucede. É un transo, un don, unha vocación (chamada) da linguaxe. Desa viaxe regreso á mudez, a mudez pode ser ausencia de palabras ou a voz dunha profesora recitando as comarcas dalgún continente eurasiático.

Descoñezo que motivou en min o inicio deste tipo de escritura. O intento de escribir poemas é a maior paixón da miña vida.

– Como foi evolucionando esa escritura? Quen ou que che inspirou?

Non falaría de evolución, ao meu ver escribo igual que cando tiña dez anos. Unha poética sucede sempre nos bordos do imposible. Sen pretensión nin compromiso e ao fío do xa dito estas proposicións:

I. A música pertence, lévanos ao antano, a un tempo anterior no que aínda non sabíamos articular a linguaxe en palabras. A música é o anterior, o pretérito anterior

II. Os usos que facemos da fala son múltiples, un deles é a lóxica que nos conduce aos conceptos

III. Nas súas fronteiras, nos seus extremos a fala soña en se desfacer das palabras, en ser música, en ser cifra, unha matemática

IV. Se consideramos o corpo dunha bolboreta diríamos dela que a súa ala esquerda representa a música, a dereita o siloxismo que fai avanzar o pensamento, o corpo central que sostén e fai voar as alas sería a poesía

V. O poema sería ese corpo central e tamén a alma da linguaxe, a súa organización. Entendendo a alma como a figurou Descartes, extensa aínda se ela non o saiba e non diferente do corpo

VI. A comprensión expándese como un chacal traza o seu camiño na noite e no deserto. O deus con cabeza de can é quen xulga aos mortos. As palabras do poema viven fóra de xuízo e non porque as conciba dementes ou paradisíacas. O seu é o tempo de Ero de Armenteira, o da cántiga e a contemplación da paxariña, un tempo que suspende a sucesión do tempo, unha linguaxe que suspende a lei e os usos da lingua e celebra, ese intre no que aínda non pero xa si a especie transformou os seus órganos de fonación e logrou emitir palabras articuladas.

– Cóntanos cales son as túas principais referencias literarias, e máis concretamente en canto á poesía escrita por mulleres.

Os poetas que eu me levaría a unha illa deserta sendo en número de seis como seis son os días da creación son: Martín Codax, Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Manuel Antonio, Álvaro Cunqueiro e Xohana Torres. Levaríame o meu idioma literario, seguramente para non esquecelo.

Logo estarían todos e todas as demais.

Cando leo poesía non valoro o xénero da autora ou do autor.

– Que che parece o proxectoCalpurnias, mulleres poetas ourensás?

Vivir na ilusión e no traballo de alguén, que alguén pense en ti e desexe compartir contigo o seu proxecto é unha inxección de enerxía realmente forte.

Calpurnias para min é sobre todo o proxecto de Yolanda López, síntome agradecida e valoro non só a posibilidade de ofrecer ás e aos lectores o que escribo, tamén o feito de compartir esta experiencia coas demais poetas que participan na aventura. É moi gratificante.

Interpreto a publicación da antoloxía como un apoio por parte da editorial Cuestión de Belleza ás políticas culturais de igualdade de xénero e agradezo a realidade que supón.

– Cóntanos un pouco sobre a túa achega ao proxecto.

Non hai moito que contar, cavilei en tres maneiras de afrontar a selección dos poemas. Elixir os que considero os mellores, presentar aqueles que se achegan á cidade de Ourense, incluír na selección as terras das que viñeron os meus proxenitores: Trasmiras e Viñoás/ Almorfe. Finalmente a escolla resultou unha mestura das tres posibilidades.

Comprendo que ademais do criterio literario pesou en min o feito de que o libro vai ver a luz en Ourense.

– Tes algún outro proxecto no horizonte? Algún poemario no que esteas a traballar?

En abril sairá do prelo un novo libro de poemas, titúlase Un libre favor

– Que opinas do labor de Editorial Cuestión de Belleza?

Valoro a editora como o proxecto persoal dos editores que ademais son unha pintora e un poeta; con isto desexo indicar que non a considero unha empresa totalmente comercial. Isto ao meu ver engádelle unha liberdade na elección dos libros que publica maior ca outro tipo de industrias. Estou a dicir que na miña opinión a antoloxía ten a sorte de nacer da mao dunha editora que non a concibe nin a presenta como unha mercadoría senón como un libro dirixido non só ao entretemento senón tamén á intelixencia e á emoción das lectoras e dos lectores. Síntome afortunada por esta causa e deséxolle aos editores unha longa vida e moitos éxitos.

Logo cuadrado vectorial pequeño