Entrevistas

Calpurnias, mulleres poetas ourensás

Celia Parra

©DistritoXermar2017

distrito xermar (Alberte Sánchez Regueiro)

– Fálanos da túa traxectoria como poeta. Cando empezaches a escribir? Cal era a túa motivación principal? Canta obra publicaches?

Comecei a escribir poesía na adolescencia, movida polas lecturas que ía descubrindo, non só nos libros de texto das aulas senón tamén – e máis especialmente- na biblioteca familiar.

Dende aquela fun recibindo varios recoñecementos a pequenos conxuntos de poemas: nos Premios Minerva, no Ánxel Casal, no María Mariño, no Xuventude Crea. Da man do Premio Avelina Valladares, publiquei en 2009 No berce das mareas, o meu primeiro poemario.

Nos seguintes anos, dediqueime a experimentar hibridando a poesía con outros formatos. Dese interese naceu “RE(C)verso”, un CD autoeditado de audiopoemas nos que eu mesma me encarguei da parte musical e da poética. Tamén “Cocíñame. Poemario culinario”, unha web orquestada á maneira de menú, con poemas sobre comidas escritos co estilo da poesía erótica e acompañados de cadansúa fotografía (de Cristina López Astorgano e da miña autoría). Finalmente, comecei a investigar na videopoesía e publicar videopoemas sobre textos propios e alleos, que foron premiados en diversos festivais internacionais.

Alén diso, textos meus foron publicados en revistas como Dorna, Luzesou Oculta Lit. Formo parte das antoloxías No seu despregar(Apiario), 13. Antoloxía da poesía galega próxima(Chan da Pólvora – papelesmínimos) e Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de expansión(Bubela).

Actualmente, veño de publicar o meu segundo poemario, Pantallas, coa Editorial Galaxia.

– Como foi evolucionando esa escritura? Quen ou que che inspirou?

Ao botar a vista atrás, recoñezo na miña primeira escrita unha pegada forte das emocións, o amor/desamor ou a soidade, cunha influencia da linguaxe musical, e en ton intimista. Penso que iso foi evolucionando nun interese cada vez maior polas cuestións da identidade, a imaxe, a mirada, a auto-representación no contexto dixital e a linguaxe audiovisual, desde unha perspectiva quizais máis social e experimental. Entendo isto como froito da influencia das diversas lecturas que ultimamente me acompañan (sobre todo de poesía e ensaio) e do meu propio traballo dentro da industria audiovisual.

– Cóntanos cales son as túas principais referencias literarias, e máis concretamente en canto á poesía escrita por mulleres.

Leo fundamentalmente poesía de mulleres galegas. En realidade esta non foi unha postura consciente, funme dando conta co tempo de que isto era así, do moito que me interesaban esas miradas. Síntome moi identificada coas poetas galegas dos noventa e dos dousmiles, penso que é practicamente o 80% do que leo.

– Que che parece o proxecto Calpurnias, mulleres poetas ourensás?

Penso que é un proxecto precioso e necesario. Ata onde eu sei, non había unha antoloxía deste tipo, que xuntase ás poetas de Ourense. Retomar para iso a figura de Calpurnia Abana paréceme moi acertado. No persoal, para min é unha honra compartir páxinas con poetas que coñezo e poetas que admiro.

– Cóntanos un pouco sobre a túa achega ao proxecto.

Na antoloxía poderase ler unha escolma do meu traballo poético e das publicacións nas que participei nestes últimos dez anos.

– Tes algún outro proxecto no horizonte? Algún poemario no que esteas a traballar?

Polo de agora, estou centrada na difusión de Pantallas. Tamén estou preparando actividades arredor da poesía e videopoesía para desenvolver en escolas e institutos.

Logo cuadrado vectorial pequeño