Entrevistas

Calpurnias, mulleres poetas ourensás

Arancha Nogueira

distrito xermar (Alberte Sánchez Regueiro)

– Fálanos da túa traxectoria como poeta. Cando empezaches a escribir? Cal era a túa motivación principal?    Canta obra publicaches?

Escribo desde que teño uso de razón (mesmo antes de saber escribir todas as letras, facía que miña nai escribise as que me faltaban para poder pór en papel historias que inventaba). Supoño que a escrita é en min algo natural, e sempre adorei a súa capacidade de comunicación, de empatía e de identificación.

Ben é certo que de pequena escribía maioritariamente relato e foi a partir da adolescencia cando comecei a escribir poesía. Desde ese momento, non puiden deixala.

Gañei varios premios na miña etapa escolar e de instituto, pero foi co Francisco Añón no ano 2013 cando todo comezou a cambiar. Grazas a este galardón publiquei o meu primeiro poemario, Andar Descalza. Logo de varias achegas a obras colectivas e publicacións en revistas como Dorna, Ligeia ou o Boletín Galego de Literatura, 2018 veu cargado de boas novas: publiquei a plaquette A capacidade de descomposición da luz conEdicións Micromundos, o poemario Oúnico lugar onde ficar inmóbilcoa editora Urutau e, moi recentemente, o poemario Spleen en catro temposcon Toxosoutos.

– Como foi evolucionando esa escritura? Quen ou que che inspirou?

A miña escrita foi evolucionando, penso, dunha poesía máis centrada no eu, no profundamente íntimo, a unha voz máis compartida, na que o íntimo continúa sendo importante, pero tamén o social. O de que o persoal é o político segue facendo falla recordalo, e é estandarte da miña escrita. Impórtame a realidade que vivo, como muller, como galega, como precaria… e tamén a que viven as outras, e desa observación e análise xorde en grande medida a miña poesía.

– Cóntanos cales son as túas principais referencias literarias, e máis concretamente en canto á poesía escrita por mulleres.

Non é doado dicir só uns cantos nomes, xa que moitas son referentes na miña escrita (e continúo a descubrir autoras, claro), mais, se teño que referirme ao ámbito galego, o comezar a ler a autoras como María Lado, Lupe Gómez ou Yolanda Castaño marcou un antes e un despois, tanto na miña escrita, como nas miñas escollas como lectora. O seu xeito de poetizar o íntimo, a importancia do corpo, a vindicación das cousas que ás mulleres nos obrigan a ocultar e a linguaxe sinxela cativáronme. Logo viñeron as descubertas de autoras como Emma Pedreira, Susana S. Aríns, Andrea Nunes, Lara Dopazo, Charo Lopes, Míriam Ferradáns… e tamén autoras da miña xeración como Nuria Vil, Laura Ramos ou Tamara Andrés (por dicir só algúns nomes).

Dos sistemas literarios estranxeiros, destacaría a Wislawa Szymborska, Alejandra Pizarnik, Ana Cristina Cesar, Grace Wells ou Anne Carson, entre outras.

– Que che parece o proxectoCalpurnias, mulleres poetas ourensás?

Paréceme un proxecto non só interesante senón necesario. Logo do detrimento do alcume “Atenas da Galiza”, era necesario que alguén se encargase de pór en valor a escrita de persoas de aquí, de Ourense, que hai moita e de moita calidade. E, por suposto, de autoras mulleres. Gústame especialmente o proxecto porque inclúe voces poéticas moi distintas e tamén de diversas xeracións, que seguramente non nos teríamos atopado (aínda que nos coñecésemos a través dos libros) se non chega a ser por esta iniciativa.

– Cóntanos un pouco sobre a túa achega ao proxecto.

A miña achega ao proxecto consta de algúns poemas do meu primeiro poemario, Andar Descalza, e do segundo, O único lugar onde ficar inmóbil, así como algún inédito que só se poderá ler nesta antoloxía. A temática pasa desde o íntimo á reflexión sobre o ser muller nun mundo profundamente andróxino, así como a nostalxia, a perda ou o empoderamento. Son poemas variados pero malia todo penso que reflicten de forma honesta o meu estilo literario.

– Tes algún outro proxecto no horizonte? Algún poemario no que esteas a traballar?

Acabo de publicar Spleen en catro tempos e estou inmersa na promoción deste poemario, que foi galardoado co accésit do certame Francisco Añón de poesía. Alén diso, estou preparando un micro-conxunto poético que pretendo que se publique de xeito máis independente, máis tirando ao fanzine (xa que tamén me gusta o que supón a cultura libre e accesíbel para todos) e algo de literatura infantil que espero poida saír neste 2019. De todos xeitos, despois de tanto movemento en 2018, este ano tamén o necesito para parar un pouco e sentarme a escribir!

– Que opinas do labor de Editorial Cuestión de Belleza?

A verdade é que comecei a coñecer do seu labor a partir do proxecto das Calpurnias, pero paréceme estupendo que exista unha editora que sexa de Ourense e que ademais promocione as voces (consagradas e emerxentes) de artistas da nosa bisbarra.

Logo cuadrado vectorial pequeño